O Cine Alovi das Pontes acollerá unha representación teatral de Tarabela Creativa

O Auditorio Municipal Cine Alovi das Pontes acollerá o vindeiro venres 23, ás 20.30 horas, a representación de O meu pai naceu o mesmo ano que Mick Jagger, unha comedia de Tarabela Creativa que combina humor, ironía e historias reais nunha trama marcada polos misterios familiares e os sucesos insólitos.
A obra, con texto de Carmen Conde e dirección de Avelino González, propón unha viaxe pola Galicia máis delirante a través da historia do pai de Carmen Conde, especialista en dactiloscopia da Policía Xudicial. Unha herdanza millonaria con condicións peculiares desencadea unha sucesión de situacións sorprendentes nas que aparecen crimes, carteiristas, estafadores, ladróns, leite tóxico de Chernóbil e capos hippies da marihuana.
A montaxe presenta unha comedia de inspiración marxista que mestura a investigación policial coa biografía dun personaxe singular e as referencias ao mundo do rock, nunha proposta cargada de humor e ironía. O elenco está formado por Carmen Conde, Fran Lareu e Xosé Manuel Esperante.
As entradas están dispoñibles a través da web https://aspontes.sacatuentrada.es/