O Club Baloncesto As Pontes organiza unha semana de portas abertas para captar novos xogadores

O Club Baloncesto As Pontes puxo en marcha unha xornada de portas abertas que se celebrará entre os días 8 e 15 de xuño co obxectivo de achegar este deporte aos máis novos e dar a coñecer o ambiente do club ás futuras incorporacións.
A actividade está destinada a nenos e nenas nacidos entre os anos 2009 e 2021, que terán a oportunidade de probar o baloncesto, coñecer aos seus futuros compañeiros e vivir de preto o día a día do equipo. Desde a entidade destacan que se trata dunha proposta pensada para fomentar valores como a amizade, o esforzo, o compañeirismo e a diversión.
Os adestramentos desenvolveranse en distintos horarios segundo as categorías de idade. Os participantes nados entre 2019 e 2021 adestrarán os luns de 17.00 a 18.00 horas e os mércores de 17.30 a 18.30 horas no Pavillón Municipal. Os nacidos entre 2016 e 2018 terán sesións os luns de 17.00 a 18.15 horas, os mércores de 17.00 a 18.15 horas e os venres de 16.00 a 17.30 horas, tamén no Pavillón Municipal.
Para os rapaces e rapazas nados entre 2014 e 2015, os adestramentos realizaranse os luns e mércores de 18.15 a 19.30 horas e os venres de 16.00 a 17.30 horas no Pavillón Municipal. Pola súa parte, os nacidos entre 2012 e 2013 adestrarán os luns de 18.15 a 19.30 horas no Pavillón Municipal, os mércores de 19.30 a 20.45 horas no Pavillón Monte Caxado e os venres de 20.00 a 21.30 horas en Castro da Uz.
Finalmente, os xogadores e xogadoras nacidos entre 2009 e 2011 terán sesións os luns de 20.00 a 21.30 horas en Castro da Uz, os mércores de 20.45 a 22.00 horas e os venres de 18.30 a 20.00 horas no Pavillón Monte Caxado.
O club solicita ás persoas interesadas que comuniquen previamente a súa asistencia nos teléfonos 684 138 414 e 619 831 897. A iniciativa conta coa colaboración do Concello das Pontes e da Deputación da Coruña.