O Club Coyote Pedal celebra o día 19 a súa marcha cicloturista BTT número VII

O club Coyote Pedal Terra Chá en colaboración co Concello de Castro de Rei celebrará a VII Marcha cicloturista BTT do mesmo nome o sábado 19 de setembro, con hora de saída ás 9.30 da mañá do Teleclub de Bazar en Castro de Rei.
Trátase dunha marcha cicloturista que discorre polo Concello sen carácter competitivo. A distancia para percorrer serán aproximadamente 40 km cun desnivel acumulado positivo de 1.000 metros aproximadamente. Haberá tamén unha variante máis curta por se alguén necesita facer menos percorrido, de 29 quilómetros e 600 metros de desnivel.
Poden participar todos os deportistas afeccionados ao ciclismo, federados ou non a partir dos 16 anos cumpridos, (con autorización paterna ata os 18) que realizasen un adestramento suficiente para unha marcha ciclista de longa duración e participen cun nivel de saúde e condición física óptimo para un esforzo destas características.
A inscrición, de 25 euros, inclúe un almorzo no posto de saída, avituallamento, un detalle do evento, unha caña e un picho á chegada e servizo de duchas e lavado de bicicletas.
Tamén haberá un xantar ás 14.30 horas con menú completo con primeiro, segundo, café e licores, a un prezo de 17 euros.