O Club de Loitas Olímpicas Vilalba logra dous ouros e dúas medallas no Memorial Alexander Kachalaev

TerraChaXa
A entidade vilalbesa desprazouse ata a localidade pontevedresa cunha pequena representación das categorías U15 e sénior
loita-vilalba-memorial-pontevedra
9 Nov 2026

O Club de Loitas Olímpicas Vilalba asinou unha destacada actuación na terceira edición do Memorial Alexander Kachalaev, celebrado este sábado en Sanxenxo, onde conseguiu dous ouros, unha prata e un bronce nunha competición de carácter internacional.

A entidade vilalbesa desprazouse ata a localidade pontevedresa cunha pequena representación das categorías U15 e sénior. Na primeira delas, Sara Martínez e Héctor Somoza subiron ao máis alto do podio nas súas respectivas categorías, ao proclamarse campións. Estes resultados contribuíron a que o equipo acadase a terceira posición na clasificación xeral por clubs.

A competición U15 tamén deixou bos resultados para a loita lucense, xa que Bruno Pintos e Adrián Costa, do Club de Loita Lugo, conseguiron outros dous primeiros postos.

Pola tarde chegou a quenda da categoría sénior, na que participaron José Cuba e Kevin Cuba. Os dous deportistas vilalbeses enfrontáronse ao seu primeiro compromiso competitivo da tempada e remataron a xornada con medallas de prata e bronce, respectivamente. Ambos caeron ante o representante do equipo ruso.

Tras esta primeira cita da campaña, o club xa prepara os seus próximos compromisos internacionais. A seguinte parada será o torneo de Barakaldo, previsto para finais de novembro, mentres que a mediados de decembro participará no Internacional de Burlada.

0.14668202400208