O Club de Rugby Fendetestas promove unha nova sesión da Escola de Familias centrada nos valores do deporte

TerraChaXa
A actividade terá lugar este domingo 31 de maio, entre as 11:30 e as 13:00 horas, na Asociación de Veciños As Campeiras
escola-de-familias-fendetestas
30 May 2026

O Club de Rugby Fendetestas celebra unha nova xornada da súa Escola de Familias, unha iniciativa que busca abrir espazos de reflexión arredor da educación a través do deporte, o liderado e a importancia dos valores no seo dos equipos.

Nesta ocasión, o encontro contará coa participación de Elena Roca Moro, unha destacada figura histórica do rugby a nivel galego e estatal, que ofrecerá unha charla inspiradora na que afondará no papel fundamental do vestiario como espazo de construción colectiva. Baixo esta idea, salientará que o vestiario é moito máis que un lugar para cambiarse, xa que é onde nacen a confianza, o compromiso e os valores que definen a un equipo.

A actividade terá lugar este domingo 31 de maio, entre as 11:30 e as 13:00 horas, na Asociación de Veciños As Campeiras, e estará aberta a toda a comunidade deportiva e á veciñanza das Pontes. Está dirixida especialmente a familias, deportistas e persoas interesadas na educación a través do deporte, co obxectivo de compartir experiencias e fortalecer os valores que constrúen equipos sólidos dentro e fóra do campo.

Desde o Concello das Pontes apoíase esta iniciativa e anímase á participación, agradecendo ao Club de Rugby Fendetestas o seu compromiso continuo coa formación en valores a través da práctica deportiva. As inscricións permanecen abertas a través do formulario habilitado pola organización.

0.13161587715149