O Club Loitas Olímpicas Vilalba brilla no torneo Villa de Gijón cun pleno de medallas

O Club Loitas Olímpicas Vilalba Libre e Grecorromana participou este sábado no tradicional torneo Villa de Gijón, unha cita de referencia no panorama estatal na que se deron encontro algúns dos clubs máis potentes de España.
A expedición vilalbesa formou parte da selección galega xunto co club Keltoi de Vila de Cruces, logrando uns destacados resultados colectivos. O combinado galego acadou o terceiro posto por equipos na modalidade de loita libre feminina e o cuarto posto na categoría masculina.
No plano individual, o club vilalbés destacou especialmente ao conseguir que todo o seu alumnado participante subise ao podio, acadando así un pleno de medallas. Noela González Carreira, Enrique Seoane e Sara Martínez proclamáronse campións nas súas respectivas categorías, logrando a medalla de ouro.
Pola súa banda, Jimena García e Héctor Somoza obtiveron a medalla de prata, mentres que Andrés e Alonso Maceiras, Kevin Cuba e Marco Gaute completaron a destacada actuación coas súas medallas de bronce.
Desde o club valorouse moi positivamente o rendemento do equipo nun torneo de alto nivel competitivo, subliñando o traballo e a progresión do seu alumnado, que continúa a consolidarse como unha das canteiras máis prometedoras da loita galega.