O Club Loitas Olímpicas Vilalba Libre e Grecorromana conquista un ouro e un bronce no torneo Maider Unda

O Club Loitas Olímpicas Vilalba Libre e Grecorromana participou no Torneo Internacional Maider Unda de Barakaldo cunha representación de tres deportistas da categoría U15. A expedición vilalbesa regresou con dous medallistas e un quinto posto, nunha cita que reuniu loitadores de diferentes clubs.
Jimena García conseguiu a medalla de ouro, mentres que Sara Martínez subiu ao podio cun bronce. Pola súa banda, Héctor Somoza completou a súa participación cun quinto posto.
O torneo tamén contou coa presenza de tres deportistas do club de Lugo, que obtiveron resultados destacados. Enma García conseguiu o ouro na categoría U11, mentres que Bruno Pintos terminou quinto e Ainhoa García acadou o décimo quinto posto.
A competición de Barakaldo supón o segundo torneo da pretempada para os deportistas, que xa preparan a súa próxima cita internacional. O seguinte compromiso será o Torneo Internacional de Burlada, en Navarra, no que está prevista a participación dos mellores loitadores españois e de equipos procedentes de Francia, Italia e Romanía.
Desde o club destacan a importancia destas competicións para continuar coa preparación dos deportistas e medirse con participantes de diferentes puntos do ámbito nacional e internacional.