O Colexio de Periodistas e a Deputación de Lugo organizan un programa de formación contra a desinformación

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A primeira das citas do proxecto vai realizarse o próximo venres, 5 de xuño, na propia cidade de Lugo
presentacion-acciones-colegio-periodistas-lugo
29 May 2026

A decana do Colexio de Xornalistas, Belén Regueira, e a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López Moreno, presentaron esta mañá un ciclo de alfabetización mediática que se desenvolverá ao longo do ano en vinte localidades da provincia de Lugo. A actividade, organizada polo Colexio coa subvención da Deputación, iniciarase o vindeiro venres 5, cun obradoiro ás 19:00 no Salón de Actos do Pazo de San Marcos de Lugo (Rúa San Marcos, s/n), para o que xa está aberta a inscrición gratuíta.

A Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos de Lugo foi escenario hoxe da presentación do novo proxecto de formación en alfabetización mediática que vai desenvolver o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, coa subvención da Deputación Provincial de Lugo. Belén Regueira Leal, decana do Colexio de Xornalistas, e Carmela López Moreno, presidenta da Deputación de Lugo, informaron da iniciativa que levará de maneira gratuíta obradoiros contra a desinformación a un total de vinte localidades de toda a provincia de Lugo.

Regueira afirmou que o Colexio de Xornalistas leva xa tempo traballando a alfabetización mediática con público adolescente, "pero hai tempo que detectamos a necesidade e mesmo a urxencia de estender esta formación tamén ó público adulto" porque a sociedade precisa "ferramentas que permitan distinguir o xornalismo de calidade, pero tamén un consumo crítico da información". Pola súa banda, López Moreno defendeu a necesidade desta formación fronte á "desinformación que parece que pesa máis que a información de verdade" e valorou o feito de que a iniciativa veña "da man de profesionais" e que "non se centralice nas cidades, senón que chegue a todas as comarcas do noso territorio".

A primeira das citas do proxecto vai realizarse o próximo venres, 5 de xuño, na propia cidade de Lugo. O Salón de Actos do Pazo de San Marcos acollerá a partir das 19:00 horas un obradoiro impartido por Pilar Rodríguez Losada, cunha ampla experiencia como redactora e editora na Televisión de Galicia. Debido á capacidade limitada da sala, para participar neste primeiro obradoiro é necesario inscribirse previamente a través deste formulario online.

Tras este primeiro obradoiro, a formación contra a desinformación chegará aos concellos de Barreiros, Burela, Castroverde, Castro de Rei, Chantada, Cervantes, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Sarria, Taboada, Trabada, Vilalba e Viveiro.

Obradoiros contra a desinformación

O contexto actual de proliferación de noticias falsas está a danar profundamente non só ao xornalismo, que se enfronta a unha crise sen precedentes, senón tamén a propia calidade democrática da nosa sociedade. Sen ferramentas para poder defendérmonos, ninguén está libre de ser vítima ou propagador da desinformación. É por iso que o Colexio de Xornalistas, na súa defensa da profesión, quere combater esta situación fornecendo a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas. O proxecto significa a adaptación a poboación adulta dunha iniciativa formativa que o Colexio leva realizando durante anos con gran éxito entre as e os escolares da comunidade.

Todos os obradoiros estarán impartido por profesionais colexiados e colexiadas, que recibiron formación específica en alfabetización mediática. En concreto, as e os formadores serán María del Carmen Abuín González, Elena Martín Lores, María Selina Otero Verdes, Carmen Quintela Babío, Miguel Rodríguez Fernández, María del Pilar Rodríguez Losada e Marga Tojo González. A actividade está subvencionada pola Deputación Provincial de Lugo.

0.14087915420532