O comercio local de Vilalba amosará as novidades da tempada nun desfile este sábado

O comercio local de Vilalba será o protagonista este sábado, 17 de outubro, nun desfile que reunirá moda, tendencias, música, baile e actuacións no Auditorio Carmen Estévez a partir das 19.00 horas. O evento permitirá coñecer as novidades da tempada outono-inverno e achegar ao público a oferta dos establecementos comerciais da localidade.
A iniciativa busca dar visibilidade ao comercio de proximidade e amosar a súa variedade e calidade, así como reivindicar o seu papel na economía local. A xornada está pensada para todos os públicos e incluirá tamén dous sorteos vinculados á campaña Volta ao Cole, desenvolvida para incentivar as compras nos negocios da vila durante o inicio do curso escolar.
Durante o desfile darase a coñecer o número total de participacións recollidas ao longo da campaña e o importe que a Asociación de Empresarios de Vilalba destinará á compra de material para o Centro Ocupacional de Vilalba.
O evento foi presentado pola concelleira de Comercio, María Xosé Fernández, e o vicealcalde, Modesto Renda, xunto con María Carballeira, responsable de comercio da asociación empresarial.
As entradas son gratuítas e poden conseguirse a través desta páxina web. Segundo a organización, queda menos da metade das localidades dispoñibles.