O Concello de Cervo conta con catro desfibriladores

TerraChaXa | AMariñaXa
30 Jul 2019

O Concello de Cervo vén de incrementar as dotacións do Complexo Deportivo da Veiga, que comprende o Pavillón municipal, o campo de fútbol e dúas pistas de pádel, cun novo desfibrilador semiautomático, tal e como informou ou rexedor, Alfonso Villares, quen se desprazou ata as instalacións acompañado polo edil de Protección Civil, Alfredo Fernández, o concelleiro de Deportes, David Rodríguez, e o responsable do G.E.S de Cervo, Mario Antuña, 
Villares sinalou que “aínda que sabemos que a súa implantación non é obrigatoria, consideramos e valoramos que sempre resulta positivo dispoñer dun aparello fixo nunhas instalacións como estas, nas que se desenvolven a diario múltiples actividades deportivas; polo que se ve reforzada a seguridade”.
Este desfibrilador –engadiu- “súmase así a outros tres que temos no municipio, un que vai incorporado no vehículo de emerxencias municipal, preparado para atender no menor tempo posible calquera urxencia cardíaca que se poida presentar; un segundo instalado temporalmente na Praia do Torno durante o verán (o resto do ano está ubicado noutro
vehículo de emerxencias); e un terceiro que está ubicado na piscina municipal de Lieiro; que foi cedido pola Fundación Alcoa”.
O persoal municipal das instalacións deportivas está en posesión da formación requirida nesta materia pola Comunidade Autónoma de Galicia.

0.1601140499115