O Concello das Pontes anuncia a segunda fase da obra na rúa Pardo Bazán

TerraChaXa
O Concello das Pontes investirá 225.647 euros, provenientes da Deputación da Coruña, na segunda fase das obras na rúa Pardo Bazán.
rua pardo bazan as pontes
rua pardo bazan as pontes
2 mar 2023

O Concello das Pontes investirá 225.647 euros, provenientes da Deputación da Coruña, na segunda fase das obras de mellora de servizos e pavimentos na rúa Pardo Bazán.

A execución deste proxecto permitirá mellorar a accesibilidade da zona e a seguridade viaria, cumprindo coa normativa vixente e planificando un sentido único de circulación por mor do estreitamento do viario, entre a beirarrúa e a zona do tráfico rodado, optando pola mesma solución estrutural e estética desenvolvida na primeira fase e noutras zonas do casco urbano, eliminando os desniveis.

As obras previstas tamén inclúen a execución dun novo sistema de saneamento, a través da creación dun sistema separativo de aguas pluviais e fecais, realizando as acometidas oportunas con cada unha das edificacións existentes. O proxecto tamén permitirá mellorar o alumeado existente, substituíndoo por un novo de maior eficiencia enerxética, coa instalación de novos báculos e luminaria led.

A substitución de firmes e pavimentos tanto para o tráfico rodado mediante unha nova capa de aglomerado en quente como nas beirarrúas peonís mediante a execución de novo pavimento de plaquetas de formigón.

Os traballos rematarán coa instalación de mobiliario urbano e a reposición de sinalización horizontal e vertical pertinente.