O Concello das Pontes aproba dá luz verde ao proxecto de urbanización da rúa Lope de Vega

O Pleno do Concello das Pontes aprobou hoxe a participación do municipio no POS+ Adicional da Deputación da Coruña, así como a inclusión neste programa do proxecto de urbanización dun tramo da rúa Lope de Vega.
As Pontes conta cunha achega provincial de 1.319.884,89 euros a través deste programa. Do total, 1.103.026,20 euros destinaranse ao financiamento de gasto corrente do exercicio 2026, mentres que os 216.858,69 euros restantes financiarán a urbanización da rúa Lope de Vega.
Esta actuación dá cumprimento ao compromiso asumido polo Concello no convenio coa Deputación, aprobado polo pleno municipal en outubro de 2025, para a construción da futura Casa de Acompañamento de Persoas Maiores, que contempla a urbanización deste tramo do viario, situado xunto á parcela do novo equipamento.
O proxecto inclúe a renovación das beirarrúas e da calzada, a mellora da accesibilidade e a renovación dos principais servizos urbanos. Está prevista a mellora da iluminación pública, así como actuacións nas redes de saneamento, abastecemento e drenaxe.
A intervención completarase coa instalación de mobiliario urbano e coa execución da sinalización horizontal e vertical necesaria, incluídas as prazas reservadas para persoas con discapacidade.
Así mesmo, a actuación permitirá reordenar a circulación viaria da zona, establecendo sentido único na rúa Calderón de la Barca, no tramo da rúa Lope de Vega obxecto do proxecto e na rúa Pablo Picasso.