O Concello das Pontes de García Rodríguez aproba a licitación das obras de peches e urbanización cuberta en Bermui

O Concello das Pontes de García Rodríguez vén de aprobar o expediente de licitación das obras de peches e urbanización cuberta para actividades socioculturais na parroquia de Bermui, cun orzamento de 102.849,99 euros.
O proxecto ten como finalidade a mellora e acondicionamento dun espazo xa existente, co obxectivo de convertelo nunha instalación máis confortable, funcional e apta para o seu uso durante todo o ano, con independencia das condicións meteorolóxicas.
A actuación consistirá no peche do perímetro dunha estrutura xa existente, actualmente configurada como unha nave aberta, que pasará a ser un espazo totalmente protexido. Para iso, instalaranse paneis prefabricados de formigón na parte inferior e un sistema de chapa metálica na zona superior, co fin de garantir un maior illamento e protección fronte ao vento e á choiva.
O proxecto inclúe tamén a execución dunha nova soleira de formigón armado, que mellorará a estabilidade e resistencia do pavimento, ademais de facilitar un uso máis cómodo e seguro do espazo. Sobre esta base aplicarase un acabado continuo que favorecerá a súa durabilidade e facilitará o mantemento.
Manterase a cuberta existente, reforzando así a funcionalidade do conxunto sen modificar a súa volumetría actual, e incorporarase iluminación interior para mellorar o seu uso en horario nocturno.
A intervención permitirá dispoñer dun espazo cuberto e pechado no seu perímetro, destinado ao desenvolvemento de actividades socioculturais, encontros veciñais e usos comunitarios, reforzando a vida social da parroquia de Bermui e da súa contorna.
Ademais, o proxecto inclúe melloras no entorno inmediato, como a ordenación de espazos exteriores e zonas de estacionamento. Esta actuación enmárcase na estratexia municipal de apoio ao rural, contribuíndo á dinamización das parroquias e á fixación de poboación, en liña cos obxectivos da Axenda Urbana á que está adherido o Concello.
O goberno local destaca que se trata dunha intervención pensada para dar resposta ás necesidades reais da veciñanza, reforzando os espazos de encontro e convivencia e apostando pola mellora dos servizos públicos nas zonas rurais do municipio.