O Concello das Pontes destinará 64.000 euros ás achegas para a creación de empresas

TerraChaXa
Será a través dunha nova edición do programa 'As Pontes Emprende', destinado a fomentar a actividade empresarial
FOTO_As-Pontes-Emprende-ana-pena
5 Ago 2024

O Concello das Pontes destinará 64.000 euros ás achegas para a creación de empresas, a través dunha nova edición do programa 'As Pontes Emprende', destinado a fomentar a actividade empresarial, contribuíndo deste xeito á xeración de emprego no ámbito municipal do Concello das Pontes.

A décima edición deste programa, posta en marcha no ano 2015, ten como obxectivo prioritario fomentar a actividade económica, incentivar a creación de novos proxectos empresariais e dinamizar a pequena e media empresa e ás persoas autónomas, ofrecéndolles un apoio para que poidan afrontar o reto de establecerse como traballadores por conta propia ou o da posta en marcha dun proxecto empresarial.

Esta achega súmase aos 311.773 euros destinados nas edicións anteriores e que permitiron apoiar a 115 proxectos emprendedores e xerar máis dun centenar e medio de postos de traballo en sectores como o da agricultura ecolóxica, o comercio, a hostalaría, a construción, a carpintería metálica ou servizos profesionais.

Ana Pena, responsable de Industria e Emprego no Concello das Pontes, apunta que “con esta nova convocatoria, amosamos, unha vez máis, o compromiso do goberno local coa actividade emprendedora do municipio, adoptando, dentro das nosas competencias, todas as medidas oportunas para fomentar a capacidade creativa e emprendedora dos nosos veciños e veciñas”

Así mesmo, a concelleira fixo fincapé na importancia das persoas emprendedoras na economía local: “son unha fonte de riqueza e un elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido empresarial local. Contribúen ao sostemento da economía local e son xeradores de centos de postos de traballo”.

O programa 'As Pontes Emprende' contempla dúas liñas de actuación, ambas cun importe máximo de 2.000 euros. A liña Impúlsate está destinada a sufragar os gastos de alugueiro mentres que a través da liña Instálate cubriranse os gastos de inmobilizado material e inversión na adecuación de locais para a posta en marcha da actividade.

0.18134117126465