O Concello das Pontes esíxelle a Einsa Print a retirada do ERE

Unha representación de traballadores e traballadoras de Einsa Print concentrábanse nas instalacións que ten a empresa no polígono pontés de Penapurreira para esixir a retirada do ERE presentado pola dirección a principios do mes de xuño.
A esta concentración tamén acudiu unha representación de tódolos grupos políticos da corporación municipal das Pontes, e a concelleira delegada de industria, Ana Pena, leu unha declaración institucional para amosar o seu apoio e sumarse ás esixencias do cadro de persoal de Einsa Print.
Nesta declaración institucional púxose de manifesto o acordo unánime da corporación municipal para esixirlle á dirección da empresa a retirada deste expediente de regulación de emprego, respectando as condicións asinadas o pasado 2024 cos representantes cos traballadores, no que a empresa adquiría un compromiso de mantemento de emprego e actividade ata decembro do 2026.
O obxectivo desta declaración institucional, en palabras da concelleira Ana Pena é a de “velar por un correcto e xusto proceso de negociación iniciado polo comité da empresa e a dirección de Einsa Print”
Tamén acordaba a corporación municipal dar traslado por unha banda á consellería de emprego da Xunta de Galicia, ao Miteco e ao Instituto de Transición Xusta da situación na que se atopan actualmente máis de 100 traballadores e traballadoras de Einsa Print que se van ver afectados por este expediente de regulación de emprego.