O Concello das Pontes incorpora 19 empregados durante o verán

TerraChaXa
O Concello das Pontes conta, desde hoxe, con 19 novos empregados que, durante os meses de verán, axudarán a prestar diferentes servizos municipais en departamentos coma Obras, Seguridade e Benestar Social.
8 Xul 2019

O Concello das Pontes conta, desde hoxe, con 19 novos empregados que, durante os meses de verán, axudarán a prestar diferentes servizos municipais en departamentos coma Obras, Seguridade e Benestar Social.

Ana Pena, concelleira de Recursos Humanos, Industria e Emprego sinala a relevancia deste tipo de contratacións que, “ademais de repercutir positivamente na prestación de servizos municipais, tamén representan unha oportunidade para que a veciñanza adquira experiencia laboral e curricular”.

O luns, nove peóns sumaranse ao plantel do departamento de Obras, xunto con dous tractoristas e catro limpadoras. Todos eles contarán cun contrato de catro meses de duración, grazas aos fondos do Plan de Integración Laboral - PEL Concellos- impulsado pola Deputación da Coruña.

Asemade, tamén a vindeira semana,no departamento de Benestar Social, contarán con catro persoas máis que reforzarán, para substituír ao persoal do Servizo de Axuda a Domicilio, coa fin de atender ás persoas en situación de dependencia da vila.

Por outra banda, a praia do lago contará, desde a próxima semana, cun socorrista encargado de vixiar o benestar dos bañistas, atendéndoos ante calquera situación de risco, contratación que tamén se realizará con fondos provinciais.

Outras contratacións

Ademais destas novas incorporacións, o Concello das Pontes conta xa con dúas técnicas de turismo que, desde hai unhas semanas, están a atender á veciñanza e visitantes tanto no Punto de Información Turística do lago coma no propio Concello e, está prevista a incorporación dun terceiro técnico que se encargará da dirección e organización das diferentes actividades que se desenvolvan na EcoEscola, Aula da Reciclaxe das Campeiras.

Desde o Concello, Ana Pena, apunta que “o pasado ano asinamos 96 contratos, ofrecéndolle á veciñanza unha oportunidade para incorporarse ó mercado laboral, contribuíndo a reducir as cifras de desemprego na nosa vila e a intención do goberno municipal é seguir fomentando a contratación desde a administración local, tanto a través de achegas como por medio de fondos propios”.

0.17945909500122