O Concello das Pontes investirá máis de 120.000 euros na mellora de dous camiños rurais en San Pedro de Eume e O Aparral

TerraChaXa | FerrolXa
As actuacións, financiadas por AGADER a través do Plan de Mellora de Camiños Rurais 2026-2027, permitirán reforzar a seguridade viaria e as comunicacións en zonas rurais do municipio
obras-ampliacion-estrada-DP-1802-ao-seu-paso-por-Goente-A-Faeira-e-San-Pedro-de-Eume-1
12 Aug 2026

O Concello das Pontes acometerá a mellora de dous camiños municipais situados nas parroquias de San Pedro de Eume e O Aparral cun investimento de 120.413,15 euros. As obras estarán financiadas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) ao abeiro do Plan de Mellora de Camiños Rurais 2026-2027 e teñen como obxectivo reforzar a seguridade viaria e mellorar as comunicacións dos núcleos rurais.

As actuacións centraranse no vial municipal de Pumar-Fragachá e no camiño de Sexe, dúas vías empregadas habitualmente pola veciñanza para os seus desprazamentos diarios e que resultan fundamentais para conectar estas zonas coas principais estradas do municipio.

No caso do vial de Pumar-Fragachá, os traballos desenvolveranse en catro tramos que suman unha lonxitude total de 1.366 metros. As obras incluirán a reparación das fochancas e das zonas afundidas, a corrección das deformacións existentes e a renovación da capa de rodadura mediante a extensión dunha nova capa de cinco centímetros de formigón bituminoso.

Ademais, levaranse a cabo labores de limpeza e acondicionamento da vía, que contemplan o varrido da superficie, a limpeza das marxes e das cunetas, así como a retirada da vexetación que invade a plataforma do camiño. Tamén se realizará o fresado do firme nos puntos necesarios para garantir unha correcta conexión cos tramos xa executados.

Pola súa banda, no camiño municipal de Sexe, cunha lonxitude aproximada de 624 metros, renovarase o firme do vial que comunica a contorna da súa intersección coa estrada AC-861 co núcleo de poboación. As actuacións previstas serán similares ás de Pumar-Fragachá, incluíndo a reparación das zonas deterioradas, a regularización do pavimento e a aplicación dunha nova capa de rodadura.

Os traballos completaranse coa limpeza das marxes e das cunetas, a eliminación da vexetación existente e a adecuación das conexións mediante o fresado do firme nos puntos que o requiran.

O proxecto contempla tamén a renovación e mellora da sinalización horizontal e vertical dos dous camiños. Neste sentido, executaranse marcas viarias de dez centímetros de ancho nas marxes dos viais e instalaranse os elementos de sinalización necesarios nas diferentes interseccións.

Desde o Concello destacan que estas actuacións permitirán mellorar as condicións de circulación, incrementar a seguridade das persoas usuarias e prolongar a vida útil destas infraestruturas, evitando o seu deterioro progresivo e garantindo mellores condicións para os desprazamentos da veciñanza das zonas rurais das Pontes.

0.11770701408386