O Concello das Pontes organiza unha sesión de cine inclusivo

TerraChaXa
O Concello das Pontes, a través da concellería de Cultura e coa colaboración de Ventea, organiza unha sesión de cine adaptado, con apoios visuais e unha contorna sensorialmente amable para o público infantil neurodiverso e as súas familias.
katak ballena blanca
2 Feb 2024

O Concello das Pontes, a través da concellería de Cultura e coa colaboración de Ventea, organiza unha sesión de cine adaptado, con apoios visuais e unha contorna sensorialmente amable para o público infantil neurodiverso e as súas familias.

Lorena Tenreiro, responsable do departamento apunta que “poñemos en marcha esta iniciativa co obxectivo de que todas as familias das Pontes poidan gozar do cine de estrea na nosa vila. Sabemos que existe un público que precisa dunhas condicións sensoriais máis amables nas salas de cine e esta proxección adaptada vailles permitir gozar, xunto ao resto do público, da cultura”

A concelleira explicou que “será unha sesión adaptada, pero non é exclusiva, así que calquera que desexe compartir en familia unha tarde de cinema pode acudir a esta sesión na que sempre haberá unha luz ambiente e a sala non quedará completamente ás escuras; o volume do son será suave, sen ruídos fortes nin estridencias; nas que está permitido levantarse das butacas e non hai trailers nin anuncios antes da película.

Por outra banda, a responsable de Cultura do Concello das Pontes apuntou que “neste tipo de sesións cambian un pouco as regras do cine tal e como o entendemos; o público que asista a esta sesión poderá levantarse, rir, falar en voz alta e mesmo saír da sala cando o precise...o que buscamos é que todo o público goce e que o cine sexa un espazo seguro para as persoas neurodiversas e para as súas familias”

A sesión celebrarase o sábado, 24 de febreiro, ás 17:00 horas proxectarase a película Katak, la pequeña ballena blanca, a historia dunha pequena balea que mentres todos os seus compañeiros e compañeiras se volven brancos, ela segue sendo pequena e gris e, para demostras que creceu e cumprir o último desexo da súa adorada avoa, Katak emprende unha perigoso viaxe ao Gran Norte.

As familias que desexen asistir a esta sesión poden descargar o material visual de anticipación en https://ventea.es/cartelera e coñecer polo miúdo o percorrido para acceder á sala. A entradas están á venda en https://aspontes.sacatuentrada.es e poderán adquirirse media hora antes da sesión na taquilla da Casa Dopeso.

0.087042093276978