O Concello das Pontes organiza unha xornada de motivación emprendedora
O Concello das Pontes, ao amparo do taller de Emprego Eume III, de atención sociosanitaria a persoas no domicilio, organizou unha xornada de motivación emprendedora dirixido a mulleres co obxectivo de ofrecerlles a información precisa para converter unha iniciativa persoal nun proxecto empresarial real.
Ana Pena, responsable da área de Emprego do Concello das Pontes subliñou a importancia deste tipo de iniciativas, orientadas a “empoderar o potencial das mulleres e fomentar a cultura emprendedora así como a motivación e o acompañamento preciso para alcanzar un proxecto empresarial sólido e viable. Unha iniciativa que, ao mesmo tempo pon en valor o papel das mulleres na nosa vila no mundo empresarial, dándolles visibilidade e o recoñecemento que a muller empresaria e autónoma ten na economía local”
A xornada arrincou cunha exposición por parte da AEDL municipal sobre as fases do emprendemento, incidindo na importancia do perfil da persoa emprendedora, na definición da idea empresarial así como na necesidade da elaboración do plan de empresa e dos contidos que debe incluír. Tamén ofreceu información sobre as axudas e subvencións para persoas emprendedoras tanto no ámbito local como autonómico e estatal.
A continuación, tres mulleres emprendedoras expuxeron #ante o alumnado os seus proxectos empresariais. A primeira en tomar a palabra foi Noelia Cabarcos, emprendedora no sector do márketing e da organización de eventos, explicou os motivos que a levaron a emprender, a elección do sector de emprendemento, destacando a importancia do asesoramento para configurar un proxecto viable.
Antía García, representando ao centro hípico Prado Ventura, deu testemuña da súa andaina como empresaria e deu conta de cales foron as razón que a levaron a emprender no concello das Pontes, facendo fincapé nas oportunidades que ofrece o medio rural para a creación de proxectos innovadores que contribúen á riqueza local e ao asentamento de poboación.
Finalmente, Mónica Carballeira, emprendedora no sector industrial, falou da orixe do seu proxecto, Fuso Renovables, achegando chaves sobre a procura da idea emprendedora, a súa análise e avaliación para lograr un proxecto sólido e con opcións de crecementos. Así mesmo, durante a súa intervención destacou a importancia e a necesidade de que as mulleres emprendan en sectores tradicionalmente masculinos, abrindo novas oportunidades de emprego.