O Concello das Pontes pecha temporalmente a sala infantil da biblioteca municipal por actos incívicos

O Concello das Pontes anunciou o peche temporal da sala infantil da Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco debido aos continuos comportamentos incívicos rexistrados nas últimas semanas e á falta de respecto polas normas básicas de convivencia e uso das instalacións públicas.
A través dun comunicado, o goberno local explicou que a decisión se adopta coa finalidade de preservar un espazo pensado para o desfrute, a aprendizaxe e o fomento da lectura entre a infancia, incidindo en que o deterioro da convivencia e do coidado das instalacións repercute negativamente no conxunto da veciñanza usuaria do servizo.
Desde o Concello sinalan que, mentres se estudan e se poñen en marcha novas medidas para evitar que este tipo de situacións volvan producirse, a sala infantil permanecerá pechada ata novo aviso.
A pesar desta restrición, o servizo de préstamo da biblioteca continuará funcionando con total normalidade, garantindo así o acceso da cidadanía aos fondos bibliográficos municipais.
O executivo local lamentou especialmente os prexuízos que esta situación provoca ás familias e ás persoas usuarias que empregan habitualmente a sala de maneira responsable e colaboran no mantemento e coidado do espazo público.
O Concello das Pontes asegurou ademais que xa traballa na procura de solucións que permitan reabrir a sala infantil nas condicións axeitadas e recuperar canto antes a normalidade deste servizo cultural.