O Concello das Pontes remata as obras dos camiños municipais de Sexe e Pumar-Fragachá

TerraChaXa | FerrolXa
As actuacións, financiadas por AGADER con 120.413,15 euros a través do Plan Mellora de Camiños Rurais 2026-2027, permitiron renovar os firmes e mellorar as condicións de circulación
camino-rural-pumar-as-pontes
5 Nov 2026

O Concello das Pontes vén de finalizar as obras de mellora de dous camiños municipais situados nas parroquias de San Pedro de Eume e O Aparral, unha intervención destinada a reforzar as comunicacións nas zonas rurais e mellorar a seguridade viaria da veciñanza.

A actuación contou cun orzamento de 120.413,15 euros, financiado por AGADER ao abeiro do Plan Mellora de Camiños Rurais 2026-2027.

No vial municipal de Pumar-Fragachá, os traballos desenvolvéronse sobre catro tramos que suman unha lonxitude total de 1.366 metros.

As actuacións incluíron a reparación das fochancas e das zonas afundidas, a regularización das deformacións existentes e a renovación da capa de rodadura mediante a extensión e compactación dunha nova capa de 5 centímetros de formigón bituminoso.

A intervención completouse con traballos de acondicionamento e limpeza, que incluíron o varrido da superficie, a limpeza das marxes e das cunetas e a retirada da vexetación que invadía a plataforma do camiño. Así mesmo, realizouse o fresado do firme nos puntos necesarios para garantir unha correcta conexión cos tramos xa executados.

No camiño municipal de Sexe, cunha lonxitude aproximada de 624 metros, renovouse o firme do viario que comunica as inmediacións da súa intersección coa AC-861 co núcleo de Sexe.

Os traballos incluíron a reparación das fochancas e das zonas afundidas, a regularización das deformacións existentes e a colocación dunha nova capa de rodaxe de 5 centímetros de formigón bituminoso.

Tamén se realizaron tarefas de limpeza e acondicionamento das marxes e das cunetas, así como a retirada da vexetación que invadía o viario e o fresado do firme nos puntos necesarios para garantir unha correcta execución das conexións.

Mellora da seguridade viaria e das comunicacións rurais

A renovación dos firmes permite mellorar as condicións de circulación e a seguridade das persoas usuarias, ao tempo que contribúe a prolongar a vida útil dos camiños e evitar a súa progresiva deterioración.

O proxecto incluíu, ademais, a renovación e mellora da sinalización horizontal e vertical, coa execución de marcas viarias de 10 centímetros de ancho nas dúas marxes dos viais e a instalación dos elementos de sinalización necesarios nas interseccións.

0.090703964233398