O Concello de Abadín abre unha plataforma de venda on line do grelo

TerraChaXa
O Concello de Abadín non terá este ano nova edición de Expogrelo pero comeza a andar expogrelo.com, unha plataforma de venda on line.
portada expogrelo web
10 Feb 2021

O Concello de Abadín non terá este ano nova edición de Expogrelo debido á situación sanitaria actual, pero para dar saída ao seu produto estrela estes días comeza a andar expogrelo.com, unha plataforma de venda on line. O Concello está a ultimar os detalles desta web, que reúne a un total de 18 greleiras que venderán o seu produto a un prezo único de 2 euros a mada.

Esta plataforma permite ademais, como subliña o alcalde, comprar á greleira que se desexe e o resto repartirase entre todas de forma equilibrada. Ademais, permitirá un rexistro e pago único á plataforma, mentres que a produtora recibirá inmediatamente o cargo na súa conta.

O Concello, que se encargou de sufragar a posta en marcha desta web de venda on line, tamén corre cos gastos de deseño e produción das caixas e as cintas que se utilizarán para o envío, xa que será o propio Concello o que xestionará toda a loxística, complicada polo feito de seren un produto fresco e perecedeiro.

"A feira é un escaparate onde a xente ve o que temos, pero hai que darlle saída, se non temos feira hai que expoñer o noso produto ao público doutro xeito", explica José María Rancaño, alcalde de Abadín.

Para comezar con esta iniciativa, tocou un ano non moi bo para a produción do grelo, que é máis escaso que noutras edicións, debido á climatoloxía adversa deste inverno, pero aínda así hai moito grelo que vender e "darlle un valor engadido", como explica o alcalde.

O grelo de Abadín que se venderá nesta plataforma levará unha presentación que os distinga como de Abadín "como un selo de calidade", explica.

Pero coa idea en marcha, non será a única que se botará a andar, xa que o obxectivo é seguir a potenciar a web posteriormente con receitas e mesmo buscar a maneira de vender outros produtos máis adiante ou orientarse ata a hostalaría.

0.16853189468384