O Concello de Abadín avala as macroplantas de biometano nun pleno marcado pola polémica

TerraChaXa
A sesión fora solicitada polo PSOE co obxectivo de coñecer a postura oficial do executivo municipal ante os proxectos industriais
pleno-abadin-psoe-stop-biogas
21 May 2026

O pleno extraordinario celebrado este martes no Concello de Abadín rematou coa aprobación do posicionamento favorable do Goberno local aos proxectos de macroplantas de biometano previstos no municipio, nunha sesión marcada pola tensión política e polas denuncias de censura formuladas pola plataforma veciñal Stopbiogás Abadín e polo Grupo Municipal Socialista.

A sesión fora solicitada polo PSOE co obxectivo de coñecer a postura oficial do executivo municipal ante os proxectos industriais. Durante o debate, os socialistas advertiron sobre os posibles impactos ambientais, económicos e sanitarios que, ao seu xuízo, poderían derivarse da instalación das plantas de biometano en Abadín.

A oposición instou ao equipo de goberno a posicionarse en contra das iniciativas e a trasladar formalmente ese rexeitamento á Xunta de Galicia e ao resto de administracións competentes, solicitando a denegación da Avaliación de Impacto Ambiental e da Autorización Ambiental Integrada dos proxectos.

A votación concluíu cun empate a cinco votos entre o bloque do goberno e a oposición, debido á ausencia da concelleira Tania Rey. Finalmente, o alcalde fixo valer o seu voto de calidade para sacar adiante o apoio municipal ás macroplantas.

O desenvolvemento do pleno estivo acompañado dunha forte controversia despois de que o rexedor prohibise a gravación da sesión a unha das coordinadoras da plataforma Stopbiogás Abadín, presente no salón de plenos. Segundo denuncian tanto a plataforma como o PSOE, o alcalde advertiu de que suspendería inmediatamente a sesión se continuaba a gravación e chegou a afirmar que “eu dirixo a sesión e se digo que non se grava, pois non se grava”.

A plataforma veciñal considera que esta actuación supón unha vulneración da lexislación vixente e denuncia un comportamento “antidemocrático e autoritario”. No comunicado remitido aos medios, lembran que o artigo 70 da Lei de Bases de Réxime Local establece o carácter público das sesións plenarias e sosteñen tamén que se vulnerou o dereito constitucional á información.

Stopbiogás Abadín asegura ademais que este episodio se suma a unha serie de actitudes de menosprezo cara ás persoas afectadas polos proxectos industriais. O colectivo lembra que, nun encontro mantido co alcalde o pasado mes de marzo, as representantes da plataforma foron acusadas de actuar movidas por intereses políticos e de estar “compradas polas empresas de fertilizantes”.

Segundo explican, durante aquela reunión expuxéronse exemplos doutros municipios afectados por instalacións similares, como As Somozas, para advertir das posibles consecuencias deste tipo de proxectos sobre a veciñanza e o territorio.

Tanto o PSOE como Stopbiogás Abadín consideran que o comportamento do alcalde evidencia unha falta de diálogo e transparencia, ademais dunha excesiva proximidade cos intereses das empresas promotoras. Os colectivos críticos co proxecto anuncian agora posibles accións legais e mobilizacións sociais contra unha decisión que consideran contraria aos intereses do municipio.

0.1194851398468