O Concello de Abadín impulsa novos contratos para avanzar na posta en marcha da residencia de maiores

TerraChaXa
Saíu a licitación o contrato de obras para a pavimentación da vía de acceso á residencia desde a estrada N-634 e a subministración do equipamento destinado á cociña e á lavandería
obras-residencia-maiores-abadin
19 May 2026

O Concello de Abadín continúa avanzando nos trámites para a futura posta en funcionamento da residencia municipal de maiores coa licitación de novas actuacións vinculadas ás infraestruturas e ao equipamento do centro.

Por unha banda, saíu a licitación o contrato de obras para a pavimentación da vía de acceso á residencia desde a estrada N-634, unha actuación incluída no Plan Deputación 2026. O orzamento base de licitación ascende a 146.126,03 euros, financiados maioritariamente pola Deputación de Lugo.

As obras permitirán mellorar a conexión directa coa estrada nacional e adaptar a vía ao incremento de tráfico previsto unha vez entre en funcionamento o servizo residencial.

Ademais, o Concello tamén licitou o contrato de subministración do equipamento destinado á cociña e á lavandería da futura residencia de maiores. Neste caso, o investimento previsto alcanza os 146.361,60 euros.

Desde o Goberno municipal destacan que estas actuacións supoñen un novo paso para completar as instalacións e os servizos da residencia, considerada unha infraestrutura estratéxica para o municipio e para a atención da poboación maior da comarca.

A actuación céntrase na rehabilitación e ampliación do edificio do antigo colexio infantil do municipio, que permanecía en desuso, co obxectivo de transformalo nun centro residencial para persoas maiores. O inmoble contará con arredor de vinte habitacións distribuídas en dúas plantas de uso, ademais dunha construción anexa conectada ao edificio principal. O investimento total da actuación ascende a 2,3 millóns de euros, dos cales a Xunta financia a contía máxima permitida.

0.11553502082825