O Concello de Abadín recibe a titularidade de dous treitos da estrada LU-113
O Consello da Xunta autorizou onte o decreto polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Abadín de dous treitos antigos da estrada LU-113, ao seu paso polas parroquias de Corvite e de Abeledo.
A entidade local solicitou ao departamento de Infraestruturas da Xunta a cesión destes restos antigos da vía autonómica que conta cun tráfico totalmente local, tras terse acometido a obra de acondicionamento da LU-113 no treito entre Moncelos e Abadín.
O primeiro destes treitos atópase no lugar da Laxe, na parroquia de Corvite, e ten unha lonxitude aproximada de 697 metros, pola marxe esquerda da actual vía autonómica. O outro treito antigo, tamén na marxe esquerda da estrada, atópase no lugar de Sabugos, na parroquia de Abeledo, e ten unha lonxitude aproximada de 415 metros.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, de acordo cos informes emitidos polos servizos da Axencia Galega de Infraestruturas, formula a proposta favorable de transferencia destes restos situados nas marxes da actual estrada LU-113.
A transferencia a prol do Concello de Abadín tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece a súa aprobación por decreto da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.
Co cambio de titularidade, o Concello terá a competencia para actuar nese treito e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.
O decreto aprobado onte polo Executivo autonómico producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.