O Concello de Abadín remata as obras de acondicionamento e peche do pavillón de Baroncelle

O Concello de Abadín rematou as obras de acondicionamento e peche do pavillón de Baroncelle, unha actuación que permitiu mellorar notablemente este espazo e as súas condicións de uso para a veciñanza.
Os traballos incluíron a instalación dun novo peche exterior, con amplas superficies acristaladas, co obxectivo de mellorar a protección do pavillón e favorecer un maior aproveitamento do equipamento.
A actuación supuxo un investimento total de 33.032,41 euros, dos que 19.326,08 euros corresponden á achega da Deputación de Lugo e 13.706,33 euros foron asumidos polo Concello de Abadín.
Con esta intervención, o Concello continúa coa mellora dos espazos públicos e dos equipamentos das parroquias, coa finalidade de crear lugares máis cómodos e funcionais para a veciñanza e poñer en valor os núcleos de poboación do municipio.