O Concello de Begonte continuará dúas semanas máis as viaxes á praia dos domingos

O Concello de Begonte amplía o servizo ‘Domingos á praia’ durante a primeira quincena de setembro, unha iniciativa que permite aos veciños e veciñas desprazarse en autobús a diferentes areais das provincias de Lugo e A Coruña para gozar dunha xornada na costa.
Tras as saídas programadas durante o verán, o programa terá continuidade no mes de setembro con dúas novas viaxes. A primeira será o vindeiro domingo 6, con destino á praia de Ares, mentres que o domingo 13 a excursión terá como destino a praia de Covas, en Viveiro.
O servizo establece a saída de Begonte ás 10.00 horas, desde a zona situada en fronte de Abanca, mentres que o regreso está previsto para as 19.30 horas desde a praia. Deste xeito, os participantes dispoñerán de toda a xornada para gozar do areal e da contorna antes de emprender o regreso ao municipio.
Para poder participar nestas viaxes é imprescindible anotarse previamente no Concello de Begonte. As persoas interesadas deberán realizar a inscrición con antelación e poden contactar co consistorio no teléfono 982 39 61 43.
A proposta pretende facilitar aos veciños de Begonte unha alternativa para pasar os domingos do verán e comezos de setembro na costa, cun servizo de transporte organizado polo Concello.