O Concello de Begonte convoca un concurso de “book face” polo Día do Libro

O Concello de Begonte puxo en marcha un concurso de book face con motivo da celebración do Día do Libro, que ten lugar hoxe, 23 de abril. A iniciativa busca fomentar a creatividade e o gusto pola lectura a través dunha proposta lúdica e participativa aberta a persoas de todas as idades.
O certame consiste en escoller a portada dun libro e integrala co propio corpo ou co entorno para crear unha imaxe orixinal, que deberá ser fotografada. As persoas participantes deberán enviar a súa proposta ao correo electrónico cultura@concellodebegonte.es, indicando o nome completo e os datos da obra escollida.
Un xurado composto por persoal do Concello será o encargado de seleccionar a proposta gañadora, o 7 de maio, que recibirá un vale por valor de 50 euros para gastar en libros ou material de papelería.
O prazo para participar permanecerá aberto ata o 30 de abril de 2026 e, segundo informou o Concello, as fotografías presentadas serán difundidas a través das redes sociais municipais.
Dende o goberno local animan á veciñanza a sumarse a esta actividade cultural, que combina imaxinación e lectura nunha proposta pensada para todos os públicos.