O Concello de Begonte entregará 50 composteiros de balde a vivendas unifamiliares

O Concello de Begonte puxo en marcha unha nova campaña para fomentar a compostaxe doméstica, a través da que entregará de maneira gratuíta 50 composteiros de balde a vivendas unifamiliares do municipio. A iniciativa está orientada a incrementar a eficiencia na xestión dos residuos de competencia municipal e conta co cofinanciamento da Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.
Pode solicitar un composteiro calquera persoa que resida nunha vivenda illada que dispoña dunha parcela ou horta dun mínimo de 25 metros cadrados. As persoas interesadas poden realizar a solicitude a través da plataforma en liña habilitada polo Concello ou chamando ao teléfono municipal 982 396 143.
Cada composteiro ten unha capacidade de 400 litros e deberá instalarse no exterior da vivenda. O Concello recomenda situalo nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas, preferentemente baixo unha árbore de folla caduca e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos encargados da descomposición.
A campaña busca poñer en valor as vantaxes ambientais, económicas e sociais da compostaxe doméstica e recuperar unha práctica tradicional do rural galego, baseada na separación dos restos orgánicos para a alimentación do gando ou a elaboración de compost. O Concello pretende así adaptar esta práctica a un sistema máis hixiénico, cómodo e eficiente.
Con esta iniciativa, o Concello de Begonte reafirma o seu compromiso coa xestión sustentable dos residuos e coa mellora ambiental do municipio, ofrecendo á veciñanza unha ferramenta gratuíta para reducir a xeración de residuos orgánicos desde os propios fogares.