O Concello de Begonte renovará os parques de Illán e Baamonde

TerraChaXa
O Concello de Begonte continúa co proxecto de renovación de parques infantís chegando a dúas parroquias locais, a de Illán e de Baamonde.
22 Aug 2020

O Concello de Begonte continúa co proxecto de renovación de parques infantís chegando a dúas parroquias locais, a de Illán e de Baamonde. Neste último, a zona infantil contará como novidade coa instalación dunha tirolina de 28 metros de longo.

O acondicionamento da área de lecer de Baamonde incluirá tamén a reparación dos xogos existentes ou a substitución dos que estean en mal estado, así como a adaptación do espazo á normativa vixente, coa colocación dun chan de PVC. Polo momento xa se instalou un valo de cores para delimitar a zona de lecer. Esta actuación execútase de forma complementaria á rehabilitación integral da praza onde se sitúa o parque, proxecto que tamén impulsa o Concello.

Foron os veciños os que solicitaron o amaño do parque infantil de Illán. Agora xa existe unha área de xogo nas inmediacións da igrexa, pero están en mal estado, polo que se apostou pola súa renovación.

O Concello, que conta cunha subvención da Xunta para acometer estas actuacións, destinará un orzamento de preto de 50.000 euros a ambos parques. O Concello incluíu na renovación da Praza Irmáns Souto Montenegro, completada hai un ano, a dotación dun novo parque infantil e hai outros dous de titularidade municipal nos centros educativos.

0.16209506988525