O Concello de Begonte ten en exposición pública o proxecto do parque eólico Cordal-Ousá

O Concello de Begonte informou da apertura do período de exposición pública do proxecto do parque eólico Cordal-Ousá, unha iniciativa que afecta ao termo municipal e que pode ser consultada por todas as persoas interesadas. Trátase dun trámite que permite á veciñanza coñecer en detalle a proposta e revisar a documentación presentada antes da súa posible execución.
Desde a administración local sinalan que o Concello pon á disposición da cidadanía os seus recursos humanos e técnicos co obxectivo de facilitar a identificación das parcelas que poderían verse afectadas polo proxecto, así como para prestar apoio e colaboración en calquera xestión ou dúbida que poida xurdir durante este proceso.
A atención ao público realizarase de luns a venres, en horario de 9.00 a 14.30 horas, nas dependencias municipais, onde o persoal do Concello ofrecerá información e asesoramento ás persoas interesadas na consulta do proxecto do parque eólico Cordal-Ousá.