O Concello de Cospeito recomenda non consumir temporalmente auga da traída en varias parroquias e núcleos

O Concello de Cospeito informou da detección dunha alteración nos parámetros de potabilidade da rede de abastecemento municipal de auga en varias parroquias e núcleos do municipio.
A recomendación afecta ás parroquias de Momán, Xustás, Bexán e Roás, así como aos núcleos de Arneiro, Mide, O Pacio e Costa Zapateira.
Segundo explicou o Concello, tras os controis ordinarios realizados na rede de abastecemento detectouse esta incidencia, polo que se recomenda á veciñanza absterse temporalmente do consumo da auga da traída para beber, cociñar ou preparar alimentos ata que se realicen novas análises de confirmación.
Desde o Goberno local sinalan que se trata dunha incidencia puntual e preventiva sobre a que xa se está actuando “coa máxima dilixencia”, e agárdase dispoñer dos novos resultados nun breve prazo de tempo.
O Concello avanzou ademais que informará oportunamente á veciñanza en canto se coñezan os resultados dos novos controis e se poida restablecer a normalidade no servizo.