O Concello de Friol adxudica outro módulo do seu viveiro de empresas

TerraChaXa | LugoXa
Talleres Agruñá ubicará un centro de chapa e pinturan no módulo 2 do Viveiro que o Concello ten no Polígono Industrial.
viveiro de empresas centro pintura friol
21 Xan 2022

Talleres Agruñá ubicará un centro de chapa e pintura no módulo 2 do Viveiro que o Concello ten no Polígono Industrial.

O Concello de Friol acordou a adxudicación dun novo módulo do seu viveiro de empresas. Esta adxudicación foi para a empresa Talleres Agruñá - Chapa e Pintura, a cargo de Eduardo Agruñá López. Dará servizo de taller, especializado en chapa e pintura de todo tipo de vehículos. Este veciño emprendedor de Friol, ten unha ampla experiencia como empregado en outros talleres nos que traballou ata o de agora do mesmo sector.

Agora decidiu dar o paso de montar o seu propio negocio escollendo Friol como localización. Para iso conta con gran apoio do Concello de Friol e do seu alcalde, Jose Á. Santos, o que sinala que “sempre estaremos ao carón das persoas que queiran emprender e traballar no noso pobo, e intentaremos axudalas en todo o que estea nas nosas mans” e tamén resalta que “é moi importante que novas empresas opten por Friol para emprender a súa andadura, e se podemos facilitarlles unha nave do noso viveiro de empresas, pois mellor”.

O novo empresario Eduardo Agruñá móstrase ilusionado nesta nova etapa da súa vida laboral, “e un paso que sempre quixen dar, montar a miña propia empresa era algo que non me deixaba durmir, unha vez que nos últimos anos vía que aquí no polígono se estaban montando empresas novas, informeime no Concello a través do Alcalde de que posibilidades dispoñía para instalarme en Friol, cando saín da primeira reunión xa estaba convencido e tiña moi claro que asentaría a empresa no polígono”.

Segundo Eduardo, “desde o Concello asesoráronme, e levaron este proxecto da man ata que nos instalamos, sempre sentindo o apoio do Alcalde en todo momento, ao cal sempre lle estarei  moi agradecido por darme a oportunidade de cumprir o meu soño”.

A nave do viveiro adxudicada en este caso é a número dous, que estaba baleira en estes momentos, dado que a empresa que dispoñía das mesmas instalacións rematou o contrato de aluguer,  os outros dous módulos dos que dispón este Concello están sendo empregadas por outras empresas, e a cuarta que está baleira, será a que albergue a sede do GES (Grupo de Emerxencias Supra-municipal) que ten nova sede en Friol.

O equipo de Goberno capitaneado por Jose Á. Santos insiste en seguir potenciando o Polígono Industrial e en particular o seu Viveiro de Empresas xa que “o impulso de captar tecido empresarial mediante o noso viveiro está rompendo as previsións iniciais, dado que se converteu na plataforma idónea para o nacemento de novas empresas,  isto supón que empresas de nova creación se decanten por asentarse no noso Concello, con todos os beneficios que isto supón, pola riqueza e postos de traballo que pode xerar para a nosa veciñanza” engade o alcalde.

0.086140871047974