O Concello de Friol inviste na renovación do contedores de residuos

O Concello de Friol vén de sacar a licitación a adquisición de novos colectores de residuos por un importe de 50.000 euros, unha actuación que permitirá renovar progresivamente os recipientes actualmente instalados nas distintas parroquias e núcleos rurais do municipio.
Este investimento forma parte do compromiso do Goberno local coa mellora dos servizos públicos e co mantemento dunhas infraestruturas axeitadas para a xestión dos residuos, contribuíndo así a unha maior calidade ambiental e a unha mellor imaxe dos espazos públicos do concello.
Os novos colectores substituirán aqueles que presentan un maior grao de deterioración debido ao paso do tempo e ao uso continuado, mellorando tanto a súa funcionalidade como a seguridade e comodidade para os veciños. Ademais, esta renovación permitirá optimizar o servizo de recollida e favorecer unhas condicións máis axeitadas de hixiene e salubridade.
Desde o Concello destacan que esta actuación responde ás necesidades detectadas nas distintas parroquias e enmárcase nun plan continuo de mellora dos equipamentos e servizos municipais no ámbito rural.
O alcalde de Friol, José Ángel Santos, sinalou que “seguimos traballando para dotar a todas as parroquias dos mellores servizos posibles, garantindo que os veciños do rural dispoñan de infraestruturas modernas e en bo estado. A renovación dos colectores era unha necesidade que imos atender con este investimento”.
Con esta iniciativa, o Concello de Friol reafirma a súa aposta pola mellora da xestión dos residuos e polo coidado da contorna, contribuíndo ao benestar da veciñanza e á conservación do medio ambiente en todo o termo municipal.