O Concello de Guitiriz creará un inventario de vivendas para mellorar a xestión do seu territorio

Guitiriz impulsa a elaboración dun inventario de numeración de vivendas no seu Concello. Este proxecto, que contará cun orzamento total de 18.021€, será financiado co Plan Deputación 2026 da Deputación de Lugo. O seu obxectivo é lograr unha xestión máis eficiente do territorio dende o punto de vista administrativo e fiscal e de facilitar a prestación de servizos municipais.
A actuación contempla a creación dunha base de datos que permitirá situar cada edificación de xeito preciso mediante ferramentas dixitais intuitivas e accesibles. Esta identificación das casas non levará ningunha información persoal vinculada; simplemente se baseará na referencia catastral.
Deste xeito, o Concello pretende habilitar unha infraestrutura tecnolóxica que axude a manter actualizados os datos de localización, numeración e outros atributos territoriais. Marisol Morandeira, alcaldesa de Guitiriz, asegura que “isto terá un impacto positivo en cuestións tan fundamentais como a paquetería, a atención sanitaria a domicilio ou a contratación de fibra óptica, por mencionar só algúns exemplos”.
Un proxecto en tres fases.
Esta iniciativa desenvolverase en tres fases. A primeira delas consiste nunha revisión inicial para identificar as construcións que deben catalogarse como vivendas ou que sexan susceptibles de incluírse nesta numeración. Para iso, contrastarase información de diferentes fontes oficiais, como o catastro, o padrón municipal ou o Plan Xeral de Ordenación Municipal.
A segunda parte do proceso será a comprobación da relación entre cada vivenda e o seu titular. A partir de aí, comezará a elaboración da base de datos, que irá acompañada dunha cartografía xeorreferenciada, fichas individualizadas de todas as edificacións, un censo municipal e unha memoria descritiva.
A empresa adxudicataria, Aleutos, fará visitas nos próximos meses a todas as vivendas do municipio para avanzar no desenvolvemento das actuacións.
Modernización, dixitalización e optimización.
A creación deste inventario axudará a afrontar algúns dos retos estruturais do Concello, como a dispersión territorial, as dificultades na xestión administrativa e fiscal e na prestación de servizos esenciais e o desenvolvemento económico do rural.
Así o explica Marisol Morandeira, que asegura que se trata dun “paso importante no noso proceso de modernización e dixitalización” e que “repercutirá positivamente na cidadanía, coa que melloraremos a nosa comunicación, ao tempo que garantimos o acceso equitativo aos servizos municipais e impulsamos o comercio en liña e a competitividade do tecido económico local”.