O Concello de Muras leva a Pleno unha nova edición das axudas da luz e a estudantes

TerraChaXa
O goberno local de Muras sacou adiante unha nova edición das bases de axudas ao pago da factura da luz e as de estudantes.
lámpadas iluminación
lámpadas iluminación
29 nov 2022

O goberno local de Muras levará a pleno esta semana unha nova edición das bases de axudas ao pago da factura da luz e as de estudantes.

Nesta ocasión, ofrecen unha liña continuísta coas axudas outorgadas o ano anterior. Así haberá de novo dúas liñas de axudas, unha destinada aos autónomos, pequenas empresas ou explotacións agropecuarias radicadas no municipio, para subvencionarlles tamén o pago da factura da luz, cunha contía fixa de ata 1.500 euros.

Ademais, manterase a liña de sempre dirixida a subvencionar os gastos domésticos con unha subvención de ata 600 euros para cada familia. Para chegar á máxima cuantía o tope cobrarase en fogares con rendas inferiores a 15.000 euros.

Estas novas axudas volverán convocarse no mes de febreiro, como vén sendo habitual no Concello, para cubrir os gastos do ano 2022.

O alcalde da localidade, Manuel Requeijo, manifestou que “estas axudas é o sexto ano que se porán en marcha e está claro que están para quedarse e supoñen nestes momentos que vivimos unha axuda importante xa que por exemplo para un negocio pode supoñer a axuda o custe de dous meses de electricidade”.

De feito, varias universidades de fóra de Galicai manifestaron o seu interese en coñecer o funcionamento das axudas da luz, concretamente de Madrid e Valencia. Ademais, estas xa foron tamén motivo de atención pola USC e a UVigo.

ESTUDANTES

Por outra parte, tamén se buscará a aprobación das bases das axudas destinadas aos estudantes e neste sentido, manteranse as contías do ano pasado, cunha liña de axuda de 100 euros, destinada a subvencionar a contratación de internet nos fogares, posto que é necesario que os estudantes conten cunha conexión de velocidade media-alta, para combater a fenda dixital, e garantir que todo o alumnado de Muras matriculado en calquera nivel educativo conte con este tipo de conexión.