O Concello de Muras ofrecerá asistencia por videochamada para realizar a Declaración da Renda 2025

O Concello de Muras anunciou a posta en marcha dun servizo de videoasistencia para facilitar aos veciños e veciñas a realización da Declaración da Renda 2025 sen necesidade de desprazarse fóra do municipio. A iniciativa é posible grazas a un convenio asinado coa Axencia Tributaria.
O servizo permitirá que o persoal de Facenda atenda aos contribuíntes mediante videoasistencia desde as instalacións municipais. Para iso, o Concello habilitará un despacho equipado con ordenador e impresora onde se poderán realizar os trámites entre o 6 de maio e o 30 de xuño.
A atención será con cita previa, que xa pode solicitarse a través dos teléfonos habilitados pola Axencia Tributaria (915 530 071 ou 901 223 344) ou tamén por internet. Desde o Concello destacan que esta medida busca facilitar o acceso aos servizos tributarios, especialmente ás persoas con máis dificultades para desprazarse.
O goberno local sinalou que esta colaboración pretende achegar a administración á veciñanza e mellorar a atención aos contribuíntes do municipio durante a campaña da renda.