O Concello de Muras solicita unha mestra ou mestre de inglés a xornada completa para o CEIP Antía Cal

TerraChaXa
Esta petición faina o grupo de Goberno en solitario xa que foi rexeitada polos tres grupos da oposición, PP, PSOE e concelleiro non adscrito
obras-colexio-antia-cal-muras1
30 Sep 2025

O Concello de Muras vén de presentar ante a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional unha petición formal para que o CEIP Antía Cal dispoña dun/ha especialista de inglés a xornada completa.

A administración local argumenta que a actual dotación, limitada a media xornada, resulta insuficiente para dar resposta ás necesidades reais do centro. O obxectivo da solicitude é garantir un ensino de calidade, con recursos suficientes e en igualdade de condicións co resto de escolas da comunidade.

Esta petición faina o grupo de Goberno en solitario xa que foi rexeitada polos tres grupos da oposición, PP, PSOE e concelleiro non adscrito, na xunta de portavoces que se convocou para isto. Segundo informou o alcalde, Manuel Requeijo, os catro concelleiros non quixeron sumarse á demanda e firmar xunto aos nacionalistas.

O CEIP Antía Cal conta cunha aula de Primaria e outra de Infantil, nas que conviven nenos e nenas de idades e niveis educativos diversos, incluíndo alumnado con necesidades educativas especiais. Ademais, o centro está cualificado como de “especial dificultade”, segundo a Orde do 6 de novembro de 2017, ao abeiro da normativa galega que regula os centros situados en zonas con maiores complicacións demográficas e xeográficas.

Desde o Concello lembran que a Lei Orgánica de Educación (LOE), modificada pola LOMLOE, establece que as administracións teñen a obriga de prestar unha atención preferente á educación no medio rural. Isto implica, segundo destacan, compensar as dificultades derivadas da situación xeográfica e organizativa, garantindo recursos humanos suficientes.

Con esta petición, Muras busca que o CEIP Antía Cal dispoña dunha especialista de inglés a tempo completo, "favorecendo así o funcionamento adecuado da escola e cumprindo cos principios de igualdade e equidade educativa no rural galego".

⚙ Configurar cookies
0.1101770401001