O Concello de Pastoriza impulsa melloras na pista de pádel, desbroces e vías rurais

O Concello de Pastoriza vén de acometer diversas actuacións de mantemento e mellora en distintos servizos e infraestruturas municipais co obxectivo de optimizar o uso das instalacións deportivas, mellorar o estado dos espazos naturais e reforzar a mobilidade no rural.
No ámbito deportivo, o consistorio está a reparar a pista de pádel co fin de evitar filtracións de auga que se producían tanto pola parte superior, na unión coa estrutura do pavillón, como en determinados puntos laterais. Ademais, procédese á substitución da lona de rede por un peche máis cerrado nun dos fondos e nun lateral, co obxectivo de mellorar as condicións de xogo e a durabilidade da instalación.
Por outra banda, iniciáronse os traballos de desbroce correspondentes ao ano 2026, comezando polas rutas de sendeirismo. Esta actuación fíxose un día despois de que o BNG publicase o enfado polo estado no que estaba a ruta de sendeirismo Pastoriza Mar Verde.
Esta actuación continúa cunha planificación progresiva por parroquias, co fin de manter en bo estado os espazos naturais e os camiños municipais.
Tamén deron inicio as obras de soterramento da liña de media e baixa tensión na avenida principal da Pastoriza, obras que teñen un prazo de duración de tres meses. Despois do remate da obra, será aglomerada dita vía desde o inicio ata o punto quilométrico 1,345
En paralelo, o Concello afirma que segue a traballar na mellora das comunicacións viarias no rural, co obxectivo de facilitar o acceso ás vivendas e mellorar a mobilidade da veciñanza. Estas actuacións están a desenvolverse en distintas zonas, entre elas San Martiño de Corvelle e Reigosa, dentro dun plan máis amplo de conservación e mellora da rede viaria municipal.