O Concello de Pol compra un autobús de uso municipal e para as asociacións

Pol
LugoXa | TerraChaXa
O Partido Popular di que a compra tiña un reparo da Secretaría municipal e que hai outras urxencias
autobus-rotulado-pol
4 Oct 2024

O Concello de Pol vén de facer efectiva a compra dun autobús con capacidade para 55 pasaxeiros que vai ser destinado a transporte de uso municipal e tamén para os distintos colectivos do termo municipal.

O vehículo, da marca Volvo, conta actualmente con 229.500 quilómetros e foi mercado por un prezo de 17.500 euros.

O autobús pasará a formar parte do parque móbil do concello e está rotulado con fotografías dos lugares máis emblemáticos do termo municipal.

Ademais de ser usado para o servizo de piscinas e multiusos do concello, a intención é que o autobús poda ser usado en excursións das agrupacións de maiores, mulleres rurais, o club de fútbol ou mesmo os Roteiros de Pol

“A intención é acompañar aos nosos e levalos por toda a xeografía española e poder ofrecer un servizo máis ás asociacións e descargalas de algún custe”, explicou o alcalde, Lino Rodríguez Ónega.

O autobús tamén porá en valor o novo proxecto que se vai crear no termo municipal, a Fundación Terras de Pol.

O alcalde adiantou que están esperando os estatutos rematados por parte da Xunta para oficializar a mesma e presentar as funcións que terá.

A POSTURA DO PP

“Ninguén pode entender o que fai o alcalde, seguro que nin el mesmo”. Así de contundente se amosou a voceira do PP de Pol, Nicole Grueira, tras coñecer a compra dun autobús "con fondos públicos de todos os veciños".

Nicole Grueira di que é “unha burla a todos os veciños de Pol” porque “non se pode entender que destine cartos públicos a este fin, mentres ten as pistas municipais intransitables ou existen serios problemas para pagar as nóminas a final de mes de todos os traballadores municipais ou outros gastos xerais do Concello”, denunciou.

De feito, dende a Secretaría municipal “non ven con bos ollos” esta adquisición xa que, en primeiro lugar, dende este departamento puxeron reparos a esta compra, ademais de asegurar que “a compra do autobús non pode poñer en risco que os provedores municipais cobren polos servizos prestados”. “Claramente critican esta compra, sobre todo tendo en conta as dificultades económicas que atravesa o Concello de Pol”, afirmou.

0.15188813209534