O Concello de Ribadeo poñerá en marcha un novo obradoiro de emprego
O Concello de Ribadeo, a través da Área de Economía, Desenvolvemento Local e Turismo, poñerá en marcha un novo obradoiro de emprego, que dará comezo en decembro e terá unha duración de 9 meses. Suporá a creación de 20 postos de traballo entre a poboación de Ribadeo e estará centrado no turismo e nas novas tecnoloxías.
Este obradoiro, denominado #RibadeoXQsi, nace co fin de promocionar o Camiño Norte ao seu paso pola nosa vila e os recursos naturais, culturais e históricos vencellados ao mesmo como destino turístico, xestionando servizos de información turística e participando na creación, comercialización e xestión de produtos e servizos turísticos locais.
Ddurante os nove meses de duración deste proxecto planificaranse e desenvolveranse varios produtos audiovisuais multimedia interactivos. Ao mesmo tempo, vaise promocionar e poñer en valor patrimonial o Santuario da Nosa Señora das Virtudes, situado en Arante.
Serán dúas as especialidades formativas que se impartirán neste obradoiro de emprego: Desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos e Promoción turística local e información ao visitante. Trátase dunha programación formativa integrada e conforme aos itinerarios de inserción profesional, dirixida á obtención dun certificado de profesionalidade. Isto permitirá que ao rematar a súa participación no proxecto formativo, os alumnos/as participantes estean en condicións de incorporarse ao mercado laboral para ocupar postos de traballo vencellados coa imaxe, a edición dixital, o desenvolvemento de aplicacións multimedia, a información turística, a promoción turística, etc.
Ademais, durante o desenvolvemento deste programa mixto de formación e emprego, crearanse 20 postos de traballo entre a poboación do Concello de Ribadeo, que serán os alumnos e alumnas traballadores que desenvolverán os proxectos aprobados, e estarán contratados a través da modalidade de contrato de formación e aprendizaxe. A maiores, contrataranse 2 persoas monitoras e unha persoa directora do proxecto.
Aas persoas interesadas en participar como alumnas traballadoras deste programa deben ser maiores de 18 anos, estar desempregadas, inscritas no Servizo Público de Emprego e facer a solicitude de participación na Oficina de Emprego de Ribadeo. Ao tratarse de especialidades formativas conducentes á obtención dun Certificado de Profesionalidade de Nivel 3, deben estar en posesión dun nivel formativo de Bacharelato ou similar. A convocatoria das prazas será publicada na sede electrónica e nos taboleiros do Concello de Ribadeo.