O Concello de Riotorto organiza unha excursión de dous días a Ponferrada, León e Riaño

TerraChaXa | AMariñaXa
As persoas interesadas en participar deberán formalizar a inscrición cos monitores dos centros veciñais ou no Concello antes do 29 de maio
Imaxe de Ponferrada
19 May 2026

O Concello de Riotorto organiza para os días 6 e 7 de xuño unha excursión a Ponferrada, o Santuario da Virxe do Camiño, León e Riaño, unha viaxe de dous días que incluirá visitas guiadas, aloxamento, comidas e actividades culturais.

A saída está prevista para as 7.30 horas desde a gasolineira. A primeira xornada comezará cun almorzo en Vega de Valcarce, no restaurante A Portela. Posteriormente, os participantes realizarán unha visita guiada por Ponferrada, coñecendo o castelo e o casco histórico da cidade, antes do xantar nun restaurante local.

Xa pola tarde, o grupo desprazarase ata o Santuario da Virxe do Camiño e fará unha breve parada en León. A cea terá lugar ás 21.00 horas no Hotel Domus Oncinae, onde tamén se realizará o aloxamento. Tras a cea haberá baile nas instalacións do hotel.

O domingo 7 de xuño a programación continuará cun almorzo no hotel e unha visita guiada á cidade de León. Despois do xantar nun restaurante local, os asistentes desprazaranse ata os coñecidos fiordos leoneses para visitar o encoro de Riaño e realizar un paseo en barco. A viaxe rematará cunha cea ás 22.30 horas nun restaurante de Vega de Valcarce.

O prezo da excursión é de 150 euros por persoa e inclúe todos os servizos programados. Hai un total de 50 prazas dispoñibles e terán preferencia os usuarios dos centros veciñais.

As persoas interesadas en participar deberán formalizar a inscrición cos monitores dos centros veciñais ou no Concello antes do 29 de maio.

0.1296169757843