O Concello de Vilalba alerta dun posible timo telefónico relacionado co cobro da taxa de residuos

TerraChaXa
O Goberno local pide á cidadanía que extreme as precaucións e que non acceda ás ligazóns incluídas nestas mensaxes nin facilite datos persoais ou bancarios
aviso-urxente-timo
10 Jun 2026

O Concello de Vilalba advertiu á veciñanza da existencia dun posible intento de fraude telefónica tras detectarse o envío de mensaxes SMS a varios veciños e veciñas reclamando o pagamento dunha suposta taxa de residuos.

Segundo informou o propio Concello a través das súas canles oficiais, algunhas persoas recibiron no seu teléfono móbil unha mensaxe na que se lles solicita o abono dunha cantidade económica e se lles facilita unha ligazón para realizar o pagamento. Desde a administración local recalcan que se trata dun intento de estafa e lembran que o Concello de Vilalba non utiliza mensaxes SMS para comunicar avisos nin para reclamar o pagamento de taxas ou tributos municipais.

Ante esta situación, o Goberno local pide á cidadanía que extreme as precaucións e que non acceda ás ligazóns incluídas nestas mensaxes nin facilite datos persoais ou bancarios. Así mesmo, recomenda contactar directamente co Concello en caso de recibir comunicacións deste tipo ou ter calquera dúbida sobre a súa autenticidade.

Desde o Concello lamentan este tipo de prácticas fraudulentas e solicitan a colaboración da veciñanza para difundir a información e evitar que máis persoas poidan verse afectadas por este intento de engano.

0.13426303863525