O Concello de Vilalba entregará unha ducia de premios e oito mencións especiais na II Gala do Deporte Municipal

TerraChaXa
O Concello de Vilalba entregará 12 premios e oito mencións de honra na segunda Gala do Deporte Municipal que organiza para o vindeiro venres 8 de decembro a partir das doce do mediodía no auditorio municipal.
A concelleira Cheri Grandío e o técnico de Deportes Félix Prieto presentaron a II Gala Municipal do Deporte
1 Dec 2017

O Concello de Vilalba entregará 12 premios e oito mencións de honra na segunda Gala do Deporte Municipal que organiza para o vindeiro venres 8 de decembro a partir das doce do mediodía no auditorio municipal.

Trátase dunha iniciativa coa que a área de Deporte pretende recoñecer aos deportistas, clubs ou entidades vilalbesas polo seu labor a favor do fomento e promoción do deporte no municipio e para a súa determinación a comisión técnica ten valorado os méritos deportivos entre o 1 de xullo do 2016 e o 30 de xuño deste 2017 dos deportistas e clubs que teñen presentado as súas candidaturas.

Trala súa reunión foron nomearon tres ou máis finalistas en cada categoría: mellor deportista, mellor deportista promesa, mellor equipo, mellor adestrador ou adestradora, mellor labor de promoción do deporte base, traxectoria deportiva, vida dedicada ao deporte, labor informativa e evento deportivo.

Deste xeito, durante o acto no que o xornalista Alfonso Hermida actuará como padriño, farase entrega dos doce premios e oito mencións especiais entre as que se inclúe unha sorpresa; ademais das do padriño do acto, a xuiza de atletismo Marta Felpeto, a título póstumo Rosendo Rouco, o I Torneo festas San Cristóbal 1983 de fútbol sala, o equipo de Campo a través do Ínsua Bermúdez, Pepe Franco (Protección Civil) e a Policía Local en sinal de recoñecemento ao seu traballo durante os máis de 300 eventos deportivos que se desenvolven na vila sen ningún incidente.

As escolas deportivas de Zumba e Movemento ofrecerán cadansúa exhibición.

Ao remate do acto que contará cunha proxección de imaxes de cada un dos candidatos e candidatas, a comunidade deportiva vilalbesa reunirase no restaurante Montero de Vilalba para participar nun xantar de confraternidade durante o que se fará entrega de arredor de 40 agasallos aos clubs, asociacións e outras entidades colaboradoras.

As persoas interesadas poden retirar o ticket para o xantar na oficina de deportes ata o luns 4 de decembro por un prezo de 20 euros os maiores de 12 anos ou 10 no caso dos menores.

0.19399189949036