O Concello de Vilalba instala oito prazas 'Bica e Arrinca' na rúa Cuart de Poblet

TerraChaXa
A medida, impulsada pola Alcaldía e a Concellería de Infraestruturas Urbanas en coordinación coa Policía Local, busca desconxestionar o tráfico na entrada aos centros educativos
prazas-escolares-vilalba
16 May 2026

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, anunciaron a posta en marcha dos novos estacionamentos “bica e arrinca” na zona escolar da rúa Cuart de Poblet, unha iniciativa dirixida a desconxestionar o tráfico nos accesos aos centros educativos do casco urbano.

En total habilitáronse oito prazas de estacionamento fronte aos colexios de educación infantil e primaria, pensadas para facilitar pequenas paradas de curta duración durante a hora de entrada ás aulas.

O funcionamento destas prazas estará limitado a un máximo de dous minutos entre as 9:00 e as 9:45 horas de luns a venres, podendo empregarse con normalidade como estacionamento fóra desa franxa horaria. Ademais, será obrigatorio que o condutor permaneza no interior do vehículo durante a parada.

A filosofía deste sistema é favorecer unha circulación máis fluída na zona escolar, permitindo que as familias poidan deter o vehículo uns instantes, despedirse dos nenos e nenas con visión directa á entrada do recinto educativo e continuar o seu itinerario, deixando libre a praza para o seguinte usuario.

As novas prazas entrarán en funcionamento este luns, 18 de maio, tras un traballo de planificación e sinalización realizado en coordinación coa Policía Local de Vilalba.

A alcaldesa, Marta Rouco, destacou que “esta medida busca facilitar o día a día das familias e contribuír a mellorar o tráfico nun dos puntos que rexistra maior conxestión durante as primeiras horas da mañá”.

Rouco explicou ademais que “o obxectivo é favorecer unha circulación máis ordenada e segura, evitando acumulacións innecesarias de vehículos na contorna escolar”.

A rexedora puxo en valor tamén “o traballo coordinado realizado entre os distintos departamentos municipais e a Policía Local para adaptar esta fórmula á realidade da zona e ás necesidades das familias”.

Durante os primeiros días de funcionamento, axentes da Policía Local estarán presentes na zona escolar para informar directamente ás familias sobre o uso destas prazas e facilitar unha adaptación progresiva ao novo sistema.

“Falamos dunha medida sinxela pero pensada para mellorar o funcionamento diario dunha zona moi transitada e facer máis cómodo e seguro o acceso aos centros educativos”, concluíu Marta Rouco.

0.12410807609558