O Concello de Vilalba pide que non se coloquen carteis nos farois da vila

TerraChaXa
Marta Rouco e Luis Fernández explican que a retirada de adhesivos e carteis pode danar a pintura das luminarias e xerar custos de limpeza e reparación para as arcas municipais
farola-alumeado-luminarias-led
17 Sep 2026

O Concello de Vilalba fai un chamamento á colaboración da veciñanza, empresas, entidades e colectivos para evitar a colocación de carteis, adhesivos ou outros elementos nos farois e no resto do mobiliario urbano, ante os problemas de conservación que está a provocar esta práctica en diferentes puntos do casco urbano.

Nas últimas semanas detectouse que algunhas dos farois, incluídas varias das que foron renovadas recentemente e que levan menos dun ano instaladas, xa presentan restos de cinta adhesiva e carteis. Ao proceder á súa retirada, nalgúns casos a cinta arrastra parte da pintura, deixando marcas e danos que dificultan a conservación dos elementos.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, sinala que o obxectivo desta comunicación é, sobre todo, informar e concienciar sobre unha cuestión que pode producirse moitas veces por descoñecemento.

“Sabemos que detrás da colocación dun cartel pode non haber ningunha intención de causar un dano. Moitas veces simplemente se busca un lugar visible para anunciar unha actividade, un evento ou un servizo. Pero é importante saber que cando utilizamos un farol ou outro elemento do mobiliario urbano para pegar un cartel, podemos acabar deteriorándoo”.

Rouco destaca que o mobiliario urbano é un elemento de uso común que pertence a toda a veciñanza, polo que o seu coidado tamén debe ser unha responsabilidade compartida.

“Desde o Concello investimos recursos públicos en renovar e manter as nosas rúas e o mobiliario urbano. Cando un elemento se deteriora e temos que limpalo, reparalo ou repintalo, ese custo sae tamén dos recursos de todos os vilalbeses e vilalbesas. Por iso, pequenos xestos poden axudarnos a evitar gastos que non serían necesarios”.

Pola súa banda, o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, explica que o principal problema detectado nos farois está relacionado coa dificultade para retirar determinados adhesivos sen afectar á pintura.

“Estamos atopando farois que levan moi pouco tempo instaladas e que xa teñen restos de cinta ou adhesivos. O problema aparece especialmente ao retiralos, porque nalgúns casos a pintura levántase coa propia cinta e a superficie queda marcada”.

O concelleiro lembra que a Ordenanza Municipal número 25 de Protección do Medio Ambiente establece a prohibición de colocar carteis ou realizar inscricións en farois e noutros elementos do mobiliario urbano.

“Queremos que esta información sirva principalmente para que se coñeza a normativa e para evitar que estes danos se sigan producindo. Hai moitos medios e espazos para dar publicidade a actividades e eventos sen necesidade de utilizar os farois ou outros elementos da vía pública”.

O goberno municipal anima así á veciñanza, ás empresas e ás entidades que necesiten divulgar as súas actividades a empregar os medios e espazos habilitados para a colocación de publicidade e información, contribuíndo entre todos ao coidado do espazo público.

0.16399002075195