O Concello de Vilalba reclama á Xunta unha solución para a falta de prazas nas escolas infantís

TerraChaXa
O Concello de Vilalba apoia as demandas dos pais e nais dos nenos e nenas que quedaron sen praza neste curso nas escolas infantís da vila, e así llo trasladou a concelleira de Servizos Sociais, Marta Rouco, nunha reunión que mantivo con eles na tarde de onte.
escola infantil municipal vilalba garderia
14 sep 2023

O Concello de Vilalba apoia as demandas dos pais e nais dos nenos e nenas que quedaron sen praza neste curso nas escolas infantís da vila, e así llo trasladou a concelleira de Servizos Sociais, Marta Rouco, nunha reunión que mantivo con eles na tarde de onte.

Vilalba conta cunha escola infantil da rede Galiña Azul, xestionada pola Xunta de Galicia, e con outra escola infantil municipal, que tivo que reabrirse dado que a da Galiña Azul non contaba con prazas suficientes. A pesar diso, catorce nenos e nenas do tramo de idade de 1 a 2 anos quedaron este ano sen praza na escola municipal, ao superar a demanda á oferta de prazas.

“As competencias neste caso son da Xunta e debe asumilas”, afirma Marta Rouco, que entende e respalda a postura dos pais.
“Desde o concello remitimos á Xunta as demandas das familias, entre elas a posta en marcha dun Punto de Atención á Infancia (PAI), e non obtivemos resposta, por iso sorprende que agora saian nos medios de comunicación dicindo que teñen predisposición a facelo. Oxalá cumpran a sua palabra”, engade Rouco.

Hoxe mesmo, o concello enviou un novo escrito á Xunta de Galicia solicitando unha reunión entre a Consellería de Política Social, o Concello de Vilalba e os pais e nais “para buscar unha solución entre todos”.

“Os concellos non temos capacidade para asumir sempre competencias que non son nosas; en Vilalba xa temos unha escola infantil municipal, que xestiona e financia o Concello, e na que, por desgraza, non podemos ampriar as prazas existentes porque non hai espazo físico. Consideramos que é a Xunta, quen ten a competencia, a que ten a obriga de aportar unha solución aos pais”, remata Marta Rouco.

0.11765694618225