O Concello de Viveiro pide que se cumpran as obrigas de limpeza das propiedades

TerraChaXa | AMariñaXa
O Concello de Viveiro pide que se cumpran as obrigas de limpeza das propiedades, solares, edificacións e outras construcións no casco antigo
19 Nov 2020

O Concello de Viveiro pide aos propietarios de solares, edificacións e outras construcións no casco antigo do municipio que cumpran coas súas obrigas de limpeza, mantemento e reparación, para acadar as condicións de seguridade, salubridade e ornato público.

Dende o concello detectáronse diversos problemas en solares e edificacións do casco histórico de Viveiro, que presentan abundante vexetación, depósito de residuos e lixo, rotura de canlóns e mal estado dos baixos con pinturas e carpinterías descoidadas.

Este descoido no mantemento das edificacións ten consecuencias negativas diminuíndo a salubridade, prexudicando o medio ambiente e alterando o ornamento público.

Nun bando da alcaldía concrétase a obriga de realizar a limpeza de cubertas, canlóns e vexetación, a retirada de elementos que poden ser susceptibles de caída á vía pública, así como o peche de ocos de fachada sen carpintería.

Ademais, lémbrase que tamén se deben eliminar rótulos, así como a publicidade relativa a locais comerciais que actualmente non teñan uso. Por último, ínstase a proceder á limpeza de canalóns e baixantes en mal estado, ó pintado de fachadas de baixos comerciais e á limpeza de plantas baixas de inmobles.

O concello de Viveiro recorda tamén que no Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Casco Antigo de Viveiro se recolle o deber dos propietarios de manter os terreos e construcións en condicións de seguridade, salubridade e ornato público, estando suxeitos tamén ao cumprimento das normas sobre protección ambiental, patrimonial e arqueolóxica contidas no mesmo plan.

O goberno local establece un prazo máximo dun mes dende a publicación do bando, o mércores 18 de novembro, para que os donos/as executen estas actuacións de acondicionamento. O concello informa tamén de que se realizarán inspeccións nos edificios do casco histórico para detectar posibles incumprimentos das obrigas dos propietarios, co obxectivo de garantir a salubridade, seguridade e ornato nesta zona do municipio.

0.15402388572693