O Concello de Guitiriz estrea unha nova web municipal
Con este cambio divídese o contido segundo o público: os habitantes de Guitiriz deben consultar a web xenérica e os visitantes a de turismo.
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, presentou publicamente a nova web municipal (https://concellodeguitiriz.com), un espazo máis intuitivo, accesible e moderno.
No acto de presentación da nova web do Concello, que se levou a cabo hoxe, martes 27 de setembro, na Casa Habanera, tamén participou a empresaria local encargada do deseño da web, Julia Saavedra, que explicou que o obxectivo do cambio é, por unha banda, “dividir o contido segundo o público ao que se dirixe: por exemplo, os habitantes de Guitiriz e arredores deben consultar a web xenérica e a xente que ven a visitar o pobo e o quere coñecer a fondo debe visitar a de turismo”.
Marisol Morandeira destacou que “o obxectivo principal da construción da nova web xenérica é conseguir un espazo actualizado e sobre todo, intuitiva e de fácil manexo para que os trámites sexan mais sinxelos e para que a información básica do concello sexa accesible”.
“Obviamente unha web non é unha cousa estática, vai ter que estar en continua actualización e modificacións, para conseguir obter a mellor ferramenta para a comodidade da xente”, comentou.
Taboleiro de anuncios de emprego
Unha das novidades que incorpora a nova páxina web é o taboleiro de anuncios de oferta ou demanda de emprego (https://concellodeguitiriz.com/emprego/taboleiro/). Habilitouse un formulario no que se debe indicar se se é unha empresa ou se solicita emprego. No primeiro caso, anunciarase a oferta e no segundo, informarase á persoa demandante se existe algún posto de traballo acorde á solicitude.