O Concello das Pontes inicia unha campaña no Día da Muller

TerraChaXa
O Concello das Pontes inicia o vindeiro 8 de marzo a campaña Unha EXPERIENCIA DE COIDADO, CORRESPÓNdeche escoller a túa polo Día da Muller.
dia da muller As Pontes
5 Mar 2021

O Concello das Pontes inicia o vindeiro 8 de marzo a campaña Unha EXPERIENCIA DE COIDADO, CORRESPÓNdeche escoller a túa, co obxectivo de enxalzar a importancia do traballo de coidados, imprescindibles para o sostemento da vida, seguindo a liña temática proposta pola ONU con motivo do Día Internacional da Muller para o ano 2021.

Con esta iniciativa búscase sensibilizar e dinamizar á poboación en materia de igualdade, visibilizar e poñer en valor o traballo de coidados, e eliminar roles e estereotipos de xénero tradicionais que atribúen a mulleres e homes tarefas e funcións diferentes no ámbito familiar.

Ao redor do 8 de marzo iniciárase a campaña, que inclúen un total de 7 accións,  co lanzamento dun spot publicitario titulado Avecíñase unha experiencia de coidado a través da páxina web e das redes sociais do Concello.  Para a continuación lanzar un concurso a través das redes sociais, en colaboración co comercio local, no que se premiará a implicación da veciñanza na campaña

Tamén se porá en marcha o xogo interactivo, E ti, es corresponsable? no que cada persoa participante, tras a realización dun sinxelo test no que que poderá poñer a proba o seu nivel de corresponsabilidade no fogar, descubra unha  experiencia de coidado a súa medida. Estas experiencias, relatadas en formato animado, teñen como finalidade motivar a corresponsabilidade familiar.

A campaña tamén contará con actividades na modalidade online dirixidas ao alumnado Educación de Primaria e Secundaria, para mulleres coidadoras e para a cidadanía en xeral.

Respecto ao alumnado de Educación Primaria, e co obxectivo de fomentar fogares máis corresponsables,  en colaboración cos centros educativos, elaborarase un decálogo de boas prácticas e recomendacións de accións que se poden poñer en práctica nos fogares, para que as familias se adhiran.

Por outra banda, a actividade dirixida ao alumnado de Educación Secundaria consistirá na organización de tres faladoiros online con mulleres de referencia no ámbito das CTEM para romper coa percepción social estereotipada destas disciplinas.

Para a cidadanía en xeral, celebrarase un encontro virtual participativo, “Un café de coidado”, no que se tratarán os coidados en tempos de COVID”.  Nesta actividade, as persoas participantes terán ocasión de expoñer as súas experiencias persoais sobre os coidados, reflexionar sobre os cambios na súa organización co impacto da Covid-19, e visibilizar a importancia social dos coidados.

Ademais, coa actividade online “Coidando a mulleres que coidan”, iniciarase ás mulleres coidadoras na técnica mindfulness para promover o seu autocoidado e a incorporación de técnicas na súa vida diaria que favorezan un maior benestar psicolóxico e reduzan as alteracións emocionais derivadas dos coidados.

0.13383507728577